Saturday 11 de May de 2024

Verónica Codesal ofrece un concerto gratuíto este mércores no Centro Ágora


Ao día seguinte, xoves 27, celebrarase unha nova edición do Festival Pétalos de Igualdade co grupo Cantometrics e o dúo Barahúnda

O Concello da Coruña programou para esta próxima semana dúas citas musicais gratuítas, seguindo a liña do Goberno de Inés Rey de dinamizar os espazos culturais da cidade con programación para todos os públicos.

A primeira delas terá lugar este mércores 26 de xullo, cun concerto gratuíto da cantante Verónica Codesal. A artista presenta o seu novo disco ‘100 voltas’ que define como un proxecto cargado de cultura e tradición galega, cun repertorio marcado pola esencia do pasado e a súa combinación con elementos contemporáneos. Conta, ademais, con colaboracións de poetas galegas contemporáneas como Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial ou Brais Fernandes. A entrada é de balde ata completar capacidade e as portas abriranse ás 20.15 horas.

Ao día seguinte, xoves 27, o Centro Ágora aocllerá a segunda das citas programadas cunha nova edición do Festival Pétalos de Igualdade. O festival desenvólvese no marco da programación Agra no Ágora, un ciclo de actividades organizado pola Asociación Veciñal Agra do Orzán e o Concello da Coruña, seguindo co obxectivo de levar a cultura aos distintos barrios da cidade. Son con entrada libre ata completar capacidade. As portas abriranse ás 20.00 horas.

‘Pétalos de igualdade’ contará cun doble concerto de Cantometrics e o dúo Barahúnda, dúas propostas folk que viaxan á música de raíz. Barahúnda, fundada por Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro, comenzaron o proxecto no 1998 en Madrid, cidade da que son orixinarios. Desde 2010 residen en Galicia, onde gravaron os seus últimos traballos, e este ano celebran o seu 25 aniversario. Pola súa banda, Cantometrics está formada por Marina Vigo, Luís Bolón, Sandra Pérez , Nébeda Piñeiro e Iago Camaño. Cinco músicos galegos de ampla traxectoria que compaxinan a súa actividade artística en grupos como Sondeseu, Néboa ou Os Melidaos.